O VALOR DO PARQUE NACIONAL

O Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia foi declarado como tal en xullo do ano 2002, quedando así integrado na rede de Parques Nacionais como unha selección das mellores mostras do patrimonio natural español correspondente ás costas atlánticas.

A singularidade e riqueza faunística das illas atlánticas de Galicia, a variedade de formacións vexetais, a espectacularidade dos seus paisaxes e o seu interese xeolóxico e xeomorfolóxico constitúen un patrimonio natural e cultural de indubidable valor científico, recreativo e educativo, que xustifica declarar de interese xeral de España a conservación deste espazo natural.

O Parque Nacional destaca por ser unha das áreas máis privilexiadas de toda a costa galega, xa que conserva as características típicas dos hábitats costeiros atlánticos e acolle algunhas das colonias de aves mariñas máis importantes de toda a Península Ibérica.

O Parque representa sistemas naturais ligados a zonas costeiras e á plataforma continental da Rexión Euro-siberiana.

No medio mariño, as Illas Atlánticas caracterízanse pola súa alta biodiversidade, derivada da amplia riqueza dos seus fondos e polo carácter especial das suas correntes. Esta singularidade as converte no mellor exponente de esta categoría na Península Ibérica, e por iso se protexen coa consideración de Parque Nacional.

No medio terrestre destacan as praias, dunas e os biotopos rochosos de cantís e bloques. En canto á fauna, están representados todos os grupos de vertebrados.

Ademais de todos os seus valores naturais, o Parque posúe un interesante patrimonio arqueolóxico e arquitectónico. Existen restos paleolíticos, asentamentos da Idade de Bronce (como castros), ermidas e santuarios da Idade Media, así como fortificacións máis modernas, fábricas de salazón, fontes e lavadoiros, muíños, cemiterios, monumentos e faros. Tamén hai un importante conxunto de restos arqueolóxicos submarinos e pecios.

Ademais, os usos e costumes das illas constitúen un interesante legado, integrado pola pesca artesanal, as embarcacións tradicionais, xunto coas festas e a gastronomía. En definitiva, un gran patrimonio inmaterial a conservar.

A beleza indomable das Illas Atlánticas é, ademais dun atractivo, a súa maior fragilidade, polo que é fundamental minimizar o impacto do turismo no Parque Nacional.

Como visitantes, é responsabilidade nosa adoptar un enfoque de turismo sostible, conscientes do impacto que as nosas accións poden ter neste lugar privilexiado e único.

O cormorán é unha das aves máis características das Illas Atlánticas. Foto do Arquivo do Parque Nacional.
Mirador de Fedorentos, en Ons. Foto do Arquivo do Parque Nacional.
Dorna (barca tradicional en Sálvora e Ons) utilizada para a pesca e o comercio. Foto do Arquivo do Parque Nacional.

A lei 15/2002, do 1 de xullo, pola que se declara o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, foi aprobada polas Cortes nacionais a proposta do Parlamento galego. Nela indícase que a súa declaración como Parque Nacional ten como obxectivos:

  • Protexer a integridade de ecosistemas ligados a zonas costeiras e á plataforma continental da rexión euro-siberiana.
  • Asegurar a conservación e recuperación dos hábitats e das especies, así como a preservación da diversidade xenética.
  • Asegurar a protección, recuperación, fomento e difusión dos seus valores medioambientais e do seu patrimonio natural, regulando de forma compatible coa conservación tanto a actividade investigadora e educativa como o acceso dos visitantes.
  • Promover e apoiar no Parque as actividades tradicionais compatibles coa protección do medio natural.
  • Incorporar ao Parque aos programas nacionais e internacionais de conservación da biodiversidade.
A bolboreta macaón (Papilo machaon) é frecuente nos prados da illa de Ons durante os meses estivais.