AS ILLAS DO PARQUE

AS ILLAS CIES

Son uns dos destinos turísticos máis visitados en Galicia. Están situadas á entrada da Ría de Vigo e compóñense de tres illas: Monteagudo, do Faro e San Martiño, e dos illotes de Agoeiro ou Boeiro, Penela dos Vinos, Carabelos e Ruzo.

As camiñadas polos seus sendeiros permiten descubrir paisaxes sorprendentes e obter vistas panorámicas espectaculares desde os seus miradoiros. Na cara oeste, orientada ao océano, destacan os cantís de 150 metros e, na cara leste, as súas praias, principalmente a praia de Rodas, que fai de ponte natural entre as súas dúas illas máis ao norte: Monteagudo e Faro.

As illas Cíes ofrecen unha boa mostra de patrimonio cultural: ruínas dun mosteiro, castros, antigas fábricas de salazón…, entre outros, que reflicten a antiga historia de ocupación da illa.

Ilustración: Rena Ortega

O ARQUIPIÉLAGO DE ONS

Diante da Ría de Pontevedra, este arquipélago está formado por dúas illas: Ons, a máis grande e aínda poboada, e Onza, cuxa superficie é zona de reserva.

Ten unha costa occidental moi recortada, salvaxe e intacta. Alí atopamos “O Buraco do Inferno”, unha impresionante cova moi alta e sen teito que deixa o fondo do mar á vista, e áreas de area na costa leste, entre as que destaca a praia e as dunas de Melide.

Caracterízase pola plataforma rochosa que a rodea, formando fondos mariños de pouca profundidade e de grande riqueza.

De todas as Illas Atlánticas, Ons é a única habitada na actualidade: os seus poucos residentes actuais viven ao leste. Ademais dos seus valores naturais, a illa de Ons destaca polo seu interese etnográfico e cultural, xa que contou cunha importante poboación illota que tivo que adaptarse a vivir en medio do mar. Destaca en Ons a utilización das dornas, embarcacións tradicionais galegas utilizadas tanto para a pesca como para a súa posterior venda na costa.

Ilustración: Rena Ortega

A ILLA DE SÁLVORA

Custodiando a Ría de Arousa emerxe a illa de Sálvora, que alberga un entorno natural que deleitará aos observadores da vida no ceo ante a presenza de diversidade de aves mariñas. Presenta un paisaxe relativamente chano, onde dominan as praias e as dunas e os pequenos bloques graníticos redondeados chamados “bolos”.

Ao norte da illa atópase a aldea de Sálvora, visitable unicamente con guía. O faro, ata hai pouco gardado por faroeiros, sinaliza aos barcos esta zona perigosa, onde houbo numerosos naufraxios, como o do vapor Santa Isabel en 1921.

A illa ten un valor cultural incalculable. En 2021 descubriuse un importante xacemento romano que, segundo as hipóteses dos investigadores, sería usado para a salazón de peixe. Fóra do edificio romano localizouse un vertedoiro con centos de fragmentos cerámicos, ósos de animais, cunchas, un coitelo de ferro e unha fíbula de bronce.

Ilustración: Rena Ortega

A ILLA DE CORTEGADA

Á diferenza do resto de arquipélagos do parque, Cortegada está situada dentro da Ría de Arousa, resgardada da virulencia da forza e do vento do océano Atlántico, o que a converteu nun tesouro botánico único, con fondos que se recubren de areas, moi aproveitados polos habitantes da zona para o cultivo de ameixa e outros bivalvos.

Destacan o seu bosque de loureiros, que chega a superar os 12 metros de altura, e unha impresionante diversidade micolóxica.

No illote Malveira Grande, que é zona de reserva, consérvase un dos escasos bosques insulares de cerquiños da costa atlántica.

Ilustración: Rena Ortega