O Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia está formado por catro arquipélagos situados fronte ás Rías Baixas, na costa noroeste da Península Ibérica: Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada, que, xunto co mar que os rodea (que constitúe o 86% da superficie total do parque nacional), conforman un espazo único e diverso, onde o clamor do Océano Atlántico susurra ao compás do vento.
As Illas Atlánticas actúan como unha barreira natural que protexe do océano as rías de Vigo, Pontevedra e Arousa. Albergan unha gran riqueza natural con paisaxes impresionantes que cautivan a quen as visita:
– En terra firme pódense apreciar sistemas dunares e praias, impresionantes cantís, matogueiras de toxo e breixo en Ons, carballos costeiros ou cerquiños e a riqueza boscosa da illa de Cortegada.
– Baixo a superficie do mar consérvanse os ecosistemas mariños máis destacados: Con fondos rochosos, que albergan os bosques de algas pardas (Sacorhiza polyschides e Laminaria spp) e que dan refuxio a unha ampla variedade de seres vivos. Os fondos de area, depositados polas correntes mariñas nas zonas máis resguardadas que, ao carecer de substrato fixo, condicionan a algúns organismos a vivir enterrados, como as navallas e ameixas, mentres que outros se mimetizan coa superficie, como o rodaballo Outros fondos móbiles son os formados por algas cálcareas (chamados fondos de maërl) e os fondos de cascallo formados por restos de cunchas, onde atopamos comunidades semellantes ás dos fondos de area.
A designación como Parque Nacional ten como obxectivo a protección e conservación das Illas Atlánticas, coa finalidade de que a natureza siga o seu curso natural sen interferencias humanas.
Por iso, limítase o número de visitantes, regúlanse as actividades permitidas e foméntase un turismo sostible que respecte as illas, equilibrando así o desfrute coa preservación da contorna.
O Parque Nacional conta tamén con outros recoñecementos, como: