O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia é un magnífico exemplo de preservación dos ecosistemas mariños e costeiros atlánticos, así como das especies de fauna e flora que os habitan e do valioso patrimonio cultural que o caracteriza.
A xestión do parque centrase na protección dos seus valores naturais, no control das actividades humanas, no control de especies invasoras e na salvagarda das especies máis destacadas de fauna, flora e dos seus hábitats singulares.
O turismo é unha das actividades humanas con maior impacto neste espazo. Co obxectivo de ordenar e reducir o posible impacto negativo da visita ás illas, ordénanse os usos do espazo (creando zonas concretas de fondeo, por exemplo) e regúlase o número diario de entradas tanto de visitantes dun día, campistas ou fondeos de barcos privados.
O Parque Nacional Illas Atlánticas está adherido á Carta Europea de Turismo Sostible (CETS), comprometéndose deste xeito a implantar medidas para un turismo sostible. Varias das empresas que operan no Parque queren voluntariamente formar parte deste compromiso, polo que están adheridas á Carta Europea de Turismo Sostible (CETS) do Parque Nacional, como por exemplo o camping das Illas Cíes e o de Ons.
Ademais, o parque pertence ao Club Ecoturismo en España, promovendo un ecoturismo concebido como “a viaxe a unha área natural para coñecela, interpretala, gozar dela e percorrela, ao tempo que se aprecia e contribúe de forma práctica á súa conservación, sen xerar impactos sobre o medio e repercutindo positivamente na poboación local”.
Para visitar en transporte público as Cíes e Ons en tempada alta (Semana Santa e do 15 de maio ao 15 de setembro), é necesario obter a autorización previa da Xunta de Galicia (autorizacionillasatlanticas.xunta.gal). Co código de pré-reserva provisional, o visitante terá dúas horas para adquirir o billete de transporte nunha navieira autorizada. Unha vez comprado, recibirá por correo electrónico a autorización administrativa definitiva ou poderá descargala en:https://autorizacionillasatlanticas.xunta.gal/illasr/busquedaPorLocalizador. Con ela, deberá recoller o seu billete na taquilla da navieira para poder embarcar.
As visitas con navieira ás Cíes e Ons en tempada baixa fanse exclusivamente a través de grupos con guía (máximo 25 persoas por grupo), e é a propia navieira quen xestiona a autorización para a visita.
No caso de Sálvora e Cortegada é a propia navieira quen xestiona a autorización para a visita dos grupos:
Non hai un transporte público regular diario á illa de Sálvora, polo que é necesario contactar coas navieiras que organizan os grupos (de máximo 25 persoas), que irán acompañadas dun guía acreditado polo parque. O máximo de visitantes ao día á illa é de 250 persoas, e os portos de saída das navieiras son O Grove, Aguiño, Boiro, A Pobra, A Illa de Arousa, Vilagarcía e, ocasionalmente, desde Bueu.
As visitas a Cortegada pódense facer de maneira individual ou ben participando nas rutas guiadas que organizan diversas empresas. As navieiras que ofrecen traslado en barco á illa normalmente teñen os seus portos base en Vilagarcía e Carril. Como no caso de Sálvora, os grupos tamén son de 25 persoas e deben ir acompañados dun guía acreditado polo parque. Débense ter en conta as mareas xa que, debido ao pouco calado destas augas, só se poden facer viaxes a Cortegada con marea alta.
Podes visitar as illas en barco privado calquera día do ano, unha vez que obteñas os permisos de navegación e fondeo expedidos polo Parque Nacional.
Para obter o permiso de navegación, é necesario descargar o formulario correspondente pulsando AQUÍ, e adxuntar a documentación requirida. Unha vez completado, tes que enviar a solicitude ás oficinas do Parque Nacional.
Cando xa tes o permiso de navegación, poderás solicitar os permisos de fondeo nas illas a través da web www. iatlanticas.es. Lembra que existe un límite diario de fondeos segundo a illa. Do 15 de xuño ao 14 de setembro poderás solicitar ata un máximo de tres permisos para o mesmo día ou os sete seguintes. Unha vez transcorrido un día con permiso de fondeo, poderás solicitar outro, pero en ningún momento poderás ter máis de tres permisos en vigor. O resto do ano poderás solicitar un máximo de dez permisos nos trinta días seguintes aos que te conectes.
É necesaria autorización escrita para mergullar nas augas do Parque Nacional. A xestión e regulación destas actividades están en liña cos obxectivos de conservación e uso público do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Pódese obter o permiso de mergullo directamente a través deste LINK.
Para facer esnórquel sen chumbos non se necesita autorización. Con todo, recoméndase consultar previamente nos puntos de información, para coñecer as mellores zonas de exploración e as áreas perigosas ou non permitidas.